Bueu celebra o día da colleita
Por Redacción
A concellaría de promoción económica e turismo de Bueu organizou este venres un mercado da colleita, no que os participantes na horta ecolóxica e comunitaria do Concello expuxeron unha pequena mostra ecolóxica: tomates, pementos, e outros legumes, así como conservas e marmeladas.
Todos estes produtos teñen unha particularidade e é que son foron cultivados na horta comunitaria, educativa e de lecer posta en marcha polo Concello nuns terreos próximos á senda do río Bispo, no seu tramo urbano, entre xuño e setembro deste ano.
As persoas que se achegaron ata o espazo do mercado tradicional participaron na degustación aberta con produtos da horta e elaborados como marmeladas ou conservas.
Os usuarios da horta recoñeceron a súa experiencia positiva, pois aprenderon técnicas de agricultura ecolóxica, tanto para cultivo como tratamento de pragas, ao tempo que supuxo unha boa forma de estreitar lazos sociais e afianzar o tempo de lecer.
Segundo o alcalde, os obxectivos desta iniciativa piloto foron "ofrecer unha oportunidade para recuperarmos a agricultura e a relación ca terra, que tamén nos ofrece lecer e desconexión".
Nos meses que durou a experiencia, tamén se organizaron obradoiros para a rapazada, como o Verán de Xogos, no que participaron nun taller de cultivos aromáticos e visitaron a plantación da horta. Polo tanto, creáronse interesantes sinerxías entre persoas de diversas franxas de idade.