Carmela Silva, disposta a abrir o debate sobre a implantación dunha taxa turística
Por Natalia Puga
A presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, amósase disposta a estudar a implantación dunha taxa turística como a que están a analizar concellos como Santiago de Compostela e xa está implantada en grande cantidade de países. "Estamos abertos a estudar os pros e os contras", sinala.
Carmela Silva indicou, a preguntas dos xornalistas, que, ao igual que os sectores económicos van cambiando, as propostas da administracións teñen que ir modificándose para adaptarse ás novas circunstancias e incidiu en que hai moitos lugares nos que se está a aplicar xa este tipo de taxa e "non influiu de xeito negativo no turismo".
A súa opinión é favorable ao debate, pero non nun ámbito provincial, senón que "é un debate que hai que abrir no Estado español e en Galicia", isto é, de xeito global, pois as decisións estruturais que se toman só nun territorio "poden influir mesmo negativamente no territorio que as toman por falta de competitividade".
Carmela Silva e o deputado de Turismo, Santos Héctor, tamén fixeron balance este venres da actividade turística deste verán nas Rías Baixas. Os datos relativos á ocupación hoteleira do mes de setembro confiman a tendencia xa rexistrada ao longo de xullo e agosto, cunha media do 73,4% das prazas ocupadas na provincia, moi superiores ás estimacións previas e dous puntos superior ao ano 2016.
A súa valoración é que 2017 foi un verán "espectacular" para o sector a nivel de ocupación e tamén de chegada de viaxeiros que non pernoctan na provincia e de usuarios das oficinas de turismo. En total, o número de visitantes rozou o medio millón. A provincia ten unha poboación próxima ao millón de habitantes, de maneira que no verán houbo 1,4 millóns de personas en toda Pontevedra.
A ocupación hoteleira rexistrada por Turismo Rías Baixas recolle que as comarcas de Pontevedra e Caldas tiveron en setembro a maior porcentaxe de ocupación, o 80,7% e o 84,88%, respectivamente. No Salnés situouse no 74,25 e no Morazo no 62%.
O balance de todo o verán revela unha ocupación media entre xuño e setembro do 82,84%, case cinco punto superior ao 78,15% do verán de 2016. En concreto, O Salnés rexistrou unha ocupación do 85,6%, Pontevedra chegou ao 87,7%, O Morrazo tivo o 81,1% e Caldas acadou o 86,5%.
O perfil do visitante é fundamentalmente español de entre 35 e 60 anos, pero aumenta o número de visitantes estranxeiros que pernoctaron na provincia. Supoñen xa o 33% do total, dous puntos máis que no ano pasado e chegados fundamentalmente desde Francia, Portugal, Italia, Alemaña e Reino Unido.
Relacionadas:
-
Durante o 2017 a ocupación hoteleira media provincial superou o 48%
Por Oskar Viéitez |
-
A provincia de Pontevedra suma 1,2 millóns de visitantes no que vai de ano
Por Oskar Viéitez |
-
O turismo deixa os mellores datos históricos no mes de agosto nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva alerta de que as Rías Baixas poden morrer de éxito ante a masificación do turismo
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |