O Concello de Barro suspende os cortes nocturnos da subministración de auga
Por Redacción
O Concello de Barro recupera a subministración de auga potable durante as 24 horas diarias, despois de que o goberno local suspendese nas últimas horas os cortes nocturnos da subministración de auga unha vez que se comprobou a recuperación da reserva nos depósitos municipais.
Esta recuperación, segundo o goberno de Xose Manuel Abraldes, débese ao control dos usos da auga, á achega que se fixo de auga externa, principalmente de Pontevedra, e ao aumento de captacións municipais, ademais do consumo responsable por parte dos usuarios deste servizo público.
A todos eles agradécelles o seu comportamento no uso da auga potable ao longo destas semanas de problemas coas reservas nos depósitos municipais.
En todo caso, as previsións meteorolóxicas non anuncian choivas para os próximos días, e por este motivo, o goberno municipal reclama ás familias que manteñan as medidas de aforro para evitar novos problemas de abastecemento.