O Concello acondiciona as cunetas nas zonas de Limeres e Fraguas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está comezando a intensificar as obras de mellora de cunetas ante a chegada do inverno, xa que nas zonas de monte, e por mor das fortes pendentes, as augas de escorrentía causan importantes danos e afeccións nos viais e faise preciso canalizalas para que non se acheguen ata a calzada.
Deste xeito, o Concello vén de adxudicar unha actuación nas zonas de Limeres e Fraguas á empresa Construcciones Moreira Gómez por un importe superior aos 38.000 euros.
Na estrada de Limeres, que ten treitos con moito desnivel, vanse construír beiravías de formigón en forma de uve, mentres que no vial Tomonde-Fraguas vaise instalar unha canalización con tubaría de PVC de 315 milímetros de diámetro que discorrerá por unha estrutura maciza de formigón con imbornais para desaugar as escorrentías.
O concelleiro José Balseiros explicou que este tipo de actuacións "son moi necesarias para conducir as augas e evitar que cheguen aos nosos viais, o que supón unha importante mellora da seguridade para os veciños que circulan cos seus vehículos, especialmente nas épocas de choivas, e unha optimización dos recursos municipais, xa que deste xeito mantemos os viais en mellores condicións e non é necesaria unha reposición constante do seu pavimento".