Os escolares do colexio Carballal, mariscadores por un día
Por Redacción
Todos con botas de auga e moitos con anciños aos que darían un uso ben distinto ao dos seus días de castelos de area na praia. Así se dirixiron este xoves os alumnos de catro e cinco anos de Educación Infantil do colexio Carballal de Marín á súa cita educativa do día: o marisqueo.
A actividade forma parte do programa de innovación da Consellería de Educación 'Aliméntate ben' do Plan Proxecta e contou cunhas anfitrionas moi especiais: as mariscadoras de Poio. Ademais, acompañáronos como guías os monitores de 'O sabor da aventura está no mar', que lles regalaron contos, gorras e adhesivos.
A visita comezou cun desprazamento ata a zona da Seca aproveitando a marea baixa. Alí puideron ver como traballaban as mariscadoras e eles mesmos animáronse a rastrillar a area na busca de ameixas.
Terminada a recollida de marisco, desprazáronse ata o porto de Campelo, onde coñeceron as embarcacións que se usan na pesca de baixura e algunhas das súas ferramenta de traballo, como as nasas.
A xornada concluíu cunha merenda con sabor a mar, aínda que non sen antes pasar pola lonxa e realizaron unha poxa electrónica. Deron boa conta das empanadas de polbo, mexillón e berberechos e marcháronse cunha lección aprendida: a necesidade de coidar o mar.