Cotobade e Cerdedo pechan a súa última liquidación de contas por separado con 493.000 euros de superávit
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar coa derradeira liquidación de contas dos dous municipios por separado, correspondente ao ano 2016, e a mesma arroxa un superávit global de 493.000 euros. Cómpre lembrar que a fusión oficializouse a mediados de outubro e os servizos económicos optaron por rematar as contas do pasado exercicio por separado "para evitar confusións e incidencias administrativas".
O Concello de Cotobade obtivo unha liquidación favorable en 2016 de 344.000 euros mentres que o de Cerdedo situouse en 149.000. Estes 493.000 euros supoñen algo máis do 15% dos 3,2 millóns de euros dos dous derradeiros orzamentos municipais por separado, "o que demostra a boa xestión realizada por ambos gobernos para chegar á fusión nas mellores condicións económicas", explicou o alcalde, Jorge Cubela.
Ademais, este superávit que se coñece agora complétase coa liquidación de toda a débeda por parte do novo concello despois de que no primeiro semestre deste ano se cancelara a única póliza de crédito que estaba en vigor, por importe de 160.000 euros, con fondos de 2016 pertencentes a Cerdedo, que foi a administración que a subscribira.
Cubela cre que esta cifra de superávit "demostra a fortaleza económica do novo concello e a boa xestión que se fixo por separado antes de comezar esta andaina común" e sinala que este balance favorable, xunto co forte incremento dos ingresos, "é o que nos permite subir os investimentos, garantir e mellorar os servizos públicos e seguir baixando impostos como vimos facendo durante todo este ano".
O rexedor aproveitou este dato, que xa era agardado polo goberno local e así o anunciou repetidamente, para lamentar a postura "destructiva" da oposición, á que acusou de "tentar alarmar, incluso con mentiras, da situación económica de ambos municipios, co único obxectivo de atacar ao proceso de fusión para tentar desgastar ao executivo".
Relacionadas:
-
Cubela, satisfeito polo superávit de 176.000 euros obtido no primeiro balance económico de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade supera os 6.100 veciños no seu primeiro ano de fusión
Por Redacción |
-
Rebaixa dun 10% na carga fiscal dos contribuíntes en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade xa ten centralizados os servizos de xustiza, facenda e xerais en Pontevedra
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade sitúa a presión fiscal en 186 euros por habitante
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aproba os primeiros orzamentos post fusión, de 5 millóns de euros
Por Redacción |