Recollen sinaturas en Ponte Caldelas para reclamar un comedor e melloras no ximnasio do CEIP A Reigosa
Por
A ANPA "A Fracha" do colexio da Reigosa recolleu xa 300 firmas en dous días para reclamar a creación do comedor escolar e a ampliación do ximnasio do centro escolar, que agora apenas conta con 80 metros cadrados, con dúas columnas no medio.
O obxectivo deste colectivo é reunir un mínimo de 500 firmas para presentar na Consellería de Educación. Desde o goberno local apóiase, como se aprobou no pleno da corporación, esta iniciativa e mesmo se ofreceu a executar en solitario a posta en marcha do comedor escolar sempre que se sitúe dentro do edificio escolar.
O alcalde Andrés Díaz tamén realizou unha oferta á Xunta para cofinanciar o 50% das obras precisas para a ampliación do ximnasio.
Desde o goberno local denúnciase o incumprimento destes traballos prometidos pola Consellería de Educación en anos anteriores.
Ademais, lamentan a supresión para este curso escolar dunha profesora de Infantil e expresan o seu malestar por unhas obras non pactadas que se acometeron no actual ximnasio con cambio de plaquetas do chan e reparacións nas paredes. Segundo Díaz, isto provocou a perda de superficie útil e tamén altura.