Galicia pedirá a Fomento unha vía verde no treito ferroviario en desuso entre Pontevedra e Arcade
Por Redacción
Por unanimidade, o Parlamento galego aprobou demandar ao Ministerio de Fomento a reconversión en vía peonil e ciclista o treito ferroviario en desuso entre Pontevedra e Arcade tras a posta en marcha do tren de alta velocidade. A proposta foi presentada polo BNG.
O deputado Luis Bará foi o encargado de defender esta proposición non de lei que, xunto con esta solicitude a Fomento, incluía pedir a colaboración dos concellos de Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa e a Deputación de Pontevedra para redactar un proxecto construtivo e estudar unha estrutura administrativa para a xestión e conservación desta vía.
Bará explicou que a transformación desta antiga vía nunha senda verde para uso peonil e ciclista permitiría crear unha nova infraestrutura de aproximadamente 10 quilómetros, aproveitando o trazado da vía férrea agora en desuso.
No caso do treito entre Arcade e Figueirido, o aproveitamento do antigo trazado sería doado xa que discorre completamente separado do novo trazado ferroviario. No caso do treito Figueirido-Pontevedra caben dúas opcións: transformar en vía verde a antiga vía férrea ou aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado do tren de alta velocidade.
En cinco anos, argumentou Bará, "non pasa ningún tren nin vai pasar" por esas vías, polo que é necesario dar utilidade a estes espazos con alternativas viables para a mobilidade do transporte. A vía verde permitiría aos usuarios, engadiu, desprazarse dende Paredes, Arcade, Figueirido ou Vilaboa "en tempos razoables e, con bo tempo, mesmo camiñando".
O deputado popular Jacobo Moreira amosou a "plena disposición" do PPdeG para promover este tipo de vías verdes naqueles treitos que estean en desuso e nos que potencialmente se poidan levar a cabo este tipo de actuacións "sen interferir en ningún modo no tráfico ferroviario".
Así, dixo, contribuirase a una mobilidade "máis segura e sostible", ao tempo que se aproveita o seu gran potencial turístico e se incide "moi positivamente" no desenvolvemento económico e social dos concellos polos que transcorren.
Moreira conseguiu, logo dunha transacción co BNG, que a proposta inicial dos nacionalistas, que só se limitaba ao treito entre Pontevedra e Arcade, se ampliara ao tramo entre Chapela e Vigo, incorporando ao mesmo tempo no proxecto aos concellos de Redondela e Vigo.
Relacionadas:
-
Colectivos ciclistas reclamarán unha "gran vía verde" entre Pontevedra e Vigo
Por Redacción |
-
O BNG leva ao Parlamento a vía verde entre Pontevedra e Arcade
Por Redacción |
-
Reclaman vías verdes a golpes… de pedal
Por Redacción |
-
Reclaman con marchas a pé e en bicicleta unha Vía Verde entre Pontevedra e Redondela
Por Redacción |