VÍDEO.- Policías piden en Pontevedra medidas urxentes para frear o "acoso" e "persecución" que sofren en Cataluña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Varios centenares de axentes da Policía Nacional asistiron a unha concentración este martes ás portas da Comisaría Provincial de Pontevedra para demandar ao Ministerio do Interior que adopte medidas "urxentes e efectivas" para frear os "ataques, acoso, persecución e señalamientos" que están a sufrir os seus compañeiros destinados estes días a Cataluña con motivo do dispostivo especial de seguridade despregado polo Goberno, e dos que responsabilizan a "sectores independentistas radicais".
A concentración convocárona todas as asociacións sindicais da Policía Nacional, SUP, CEP, UFP, SPP e ASP, e contou co apoio de cidadáns anónimos e representantes do grupo municipal de Cidadáns en Pontevedra. Ademais, o presidente de honra do SUP en Galicia, José Freire, leu un comunicado conxunto, que se reproduce en comisarías de toda España.
Os concentrados consideran que estes ataques son resultado dunha "campaña organizada", pois foi simultánea e elixindo os mesmos obxectivos, hoteis e comisarías. Na súa opinión, forma parte dun plan que ten como obxectivo último a saída das forzas e corpos de seguridade do Estado de Cataluña "como elemento necesario para que a impunidade poida abrirse paso".
Os sindicatos policiais consideran que o ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, debe "atallar de inmediato" estas "prácticas mafiosas" utilizando todas as medidas legais, loxísticas, políticas e de calquera outro tipo. "Xa é hora de que o máximo responsable do departamento dea a cara polos seus policías nacionais e que deixe de escurrir o vulto", consideran.
Os policías volven reivindicar a equiparación salarial entre os policías e gardas civís e os mossos d'esquadra e, no caso de que non se adopten tanto as medidas de seguridade como as económicas, pedirán a dimisión do ministro e tamén a do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.