Non hai dúas sen tres: suspenden de novo o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O martes 26 de maio de 2015 Rosa Charlín, sobriña do histórico narcotraficante arousán Manuel Charlín, foi citada para ser xulgada na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero a vista suspendeuse. O martes 20 de setembro de 2016 repetiuse a escena. E, como ás veces non hai dúas sen tres, este martes 3 de outubro de 2017 volveu ocorrer.
Rosa Charlín segue sen ser xulgada máis de dous anos despois de ser citada por primeira vez por un delito de branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas polo que o fiscal pide que sexa condenada a cinco anos e tres meses de prisión, o pago dunha multa de 720.000 euros e tres anos de inhabilitación para o exercicio da súa profesión ou industria.
As sucesivas suspensións realizáronse despois de que os avogados expuxesen distintas cuestións procesuais. Nesta ocasión, a acusada non chegou nin a sentar no banco dos acusados e o juciio queda suspendido sen data mentres o fiscal do caso, Alejandro Pazos, tenta chegar a un acordo de conformidade cos seus letrados defensores e tamén cos doutras dúas persoas acusadas xunto a ela noutra causa diferente tamén por branqueo.
Rosa Charlín está acusada por branqueo nesta causa e noutra polo mesmo delito procedente do Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa, na que hai outros dous procesados. A proposta é acumular as dúas causas e que se celebre un único xuízo por ambas, que sería na Sección Segunda da Audiencia Provincial.
O fiscal está a tentar negociar un acordo de conformidade con ela e cos outros dous procesados. En principio, parece sinxelo de lograr no caso dos outros procesados, pero non de Rosa Charlín. Unha vez pechadas as negociacións, fixarase data para a xuízo, xa sexa para xulgala a ela soa ou aos tres, pero sempre nun único xuízo.
No caso do xuízo inicialmente fixado para este martes, a Fiscalía acusa a Rosa Charlín de comprar diferentes propiedades con diñeiro cuxo orixe era "presuntamente ilícito e de procedencia descoñecida", xa que cos rendementos declarados do seu traballo e os préstamos solicitados "non lle alcanzase".
Segundo o escrito de acusación, gastou case 550.000 euros entre 1999 e 2008 para comprar unha decena de propiedades inmobiliarias, coches e obxectos de uso persoal "á marxe do gasto do fogar familiar". Os ingresos medios declarados pola actividade das súas empresas durante os anos 2001 e 2008 "non foron superiores" aos 30.000 euros anuais e, en relación ás operacións de compra realizadas, que financiou en parte cun préstamo bancario, a Fiscalía calcula que hai case 244.000 euros que son de orixe ou procedencia descoñecida.
Rosa Charlín xa foi condenada a nove anos de prisión en 1995 por tráfico de drogas pola súa relación co alixo de mil quilos de cocaína.
Relacionadas:
-
Unha vez máis, e xa van catro, suspéndese o xuízo contra Rosa Charlín por branqueo
Por Alejandro Espiño |
-
A Audiencia retoma o xuízo por branqueo contra a sobriña de Charlín
Por Oskar Viéitez |
-
Suspendido o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín para estudar a petición de nulidade da defensa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Rosa María Charlín, de novo ante a Audiencia acusada de blanquear cartos da droga
Por Redacción |
-
Señor avogado defensor, sempre cre na inocencia dos seus clientes?
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O fiscal rebaixa de seis a cinco anos a petición de condena para Jorge Durán por tráfico de drogas
Por Natalia Puga |
-
Rosa Charlín queda libre por tráfico de drogas e branqueo de capitais, pero deberá comparecer ante o xuíz cada 15 días
Por Redacción |