Cen escolares de Infantil e Primaria aprenden seguridade viaria na Seca
Por Redacción
O circuíto de Educación Viaria na chaira da Seca, en Poio, foi escenario este sábado do obradoiro de seguridade viaria que organiza a Policía Local de Poio coa participación dun centenar de escolares.
Os menores son estudantes de infantil e primaria en colexios de Poio. Distribuídos en grupos de 30, segundo a idade, foron rotándose polas diferentes actividades que se establecían no circuíto.
Durante toda a xornada houbo desde un concurso de debuxo, unha aula práctica da Cruz Vermella e a utilización de vehículos e medios de atención en prol da seguridade viaria.
Ademais, a gran novidade deste ano centrouse nun simulacro de como os ocupantes teñen que saír dun vehículo que sofre un accidente e que facer ata que chegan os servizos de emerxencias.
Este obradoiro conta co apoio da Subdelegación do Goberno, Deputación Provincial, Concello de Poio, Concello de Pontevedra, Xefatura Provincial de Tráfico, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil, Cruz Vermella e diversas empresas e entidades colaboradoras.