Presentan unha candidatura que busca dar un xiro ao Casino Mercantil
Por Anxo Lourido
Alejandro Padín é un profesional sanitario que decidiu dar un paso á fronte para encabezar a candidatura alternativa á continuista que lidera Ernesto Filgueira para presidir a Sociedade Casino Mercantil de Pontevedra. As eleccións están convocadas para o 17 de outubro, despois de que o anterior presidente Roberto Vega presentase a súa dimisión.
A nova candidatura quere establecer un proxecto aberto, transparente e integrador. Non en balde sinalan que carecen de datos sobre as contas desta sociedade que vai cumprir 90 anos de existencia. Por iso non queren facer promesas sobre grandes proxectos pero este grupo uniuse para tentar que o uso das instalacións en Mourente non se faga só durante os meses de verán como ocorre actualmente.
Lamentan que nos últimos anos a sociedade estea a sufrir numerosas baixas de socios e por este motivo preséntanse como un equipo motivado e ilusionado, que ten como principal obxectivo incrementar o número de socios para ofrecer máis actividades culturais e de lecer, ademais de mellorar as instalacións de Mourente, que precisan dunha reforma, segundo apuntaron na rolda de prensa de presentación durante este sábado na sede da sociedade situada en Curros Enríquez.
Entre as súas formulacións, Alejandro Padín afirma que é necesario recuperar a identificación do socio coa entidade igual que sucedía anos atrás e desta forma terminar coa deterioración progresiva do Casino Mercantil que, segundo expoñen estes socios, oriéntase cara a unha posible extinción da entidade.
Nestes momentos a Mercantil conta con 711 socios e esta candidatura cre que representa a unha maioría importante dentro da sociedade. Sinalan que nos últimos anos rexistráronse deficiencias na xestión administrativa, problemas funcionais e tamén laborais.
A pesar de todo, afirman que non queren ir contra ninguén senón unir a todos os socios baixo un gran proxecto que volva retomar actividades como a proxección de cinema ou a organización de actuacións teatrais ou de bailes.
Se conseguen a presidencia, teñen previsto realizar unha auditoría para coñecer exactamente o diñeiro co que contan para levar a cabo os proxectos de futuro. Polo momento, dentro desta campaña abriron unha conta en Facebook e outra en Twitter baixo unha suxestiva lema: Mercantilízate.
Relacionadas:
-
Máis pádel e bailes de fin de semana para maiores, propostas de Ernesto Filgueira para o Mercantil
Por Redacción |
-
Ernesto Filgueira ponse á fronte dunha candidatura "renovada" para dirixir o Mercantil
Por Redacción |
-
220 deportistas participarán no I Open de Verán Mercantil Pontevedra de tenis
Por Redacción |