Milleiros de persoas maniféstanse en Vilagarcía contra o anteproxecto da Lei de Saúde
Por Redacción
Ao redor de 5.000 persoas saíron á rúa este venres en Vilagarcía para manifestar a súa desconformidade co anteproxecto da nova Lei de Saúde que quere aprobar a Xunta de Galicia.
Diferentes colectivos cidadáns, políticos e sindicais participaron nesta marcha na que alertan da deterioración que está a sufrir a sanidade pública na área do Salnés e o perigo que corre se se suprime esta área sanitaria, tal e como aparece reflectido no anteproxecto de lei.
Os convocantes da manifestación coa presidenta da xunta de persoal da área sanitaria do Salnés, Rosa Casal, á fronte reclaman a retirada do anteproxecto, ademais da mellora na atención primaria e a dotación de recursos económicos e humanos necesarios para lograr a mellor calidade asistencial nesta zona.
Desde o Sergas, nas últimas horas, lanzouse un chamamento aos representantes sindicais desta área para tentar establecer unha mesa de negociación na que se analizará o anteproxecto da lei.