O Punto de Intercambio Familiar trasladarase á casa principal da Finca de Briz
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Benestar Social do Concello de Marín informou da reunión da Mesa de Traballo contra a Violencia de Xénero, que tivo lugar este xoves 28 de setembro nas instalacións da casa principal da Finca de Briz.
Entre os asuntos a tratar decidiuse unha nova localización do Punto de Intercambio Familiar, o cal se trasladará en próximas datas ás instalacións da casa principal da Finca de Briz.
A tal efecto, informarase ás instancias xudiciais do cambio e ás familias que actualmente están facendo uso deste servizo municipal tan demandado.
Dende a mesa tamén se solicitou ao goberno local de Marín a continuidade das actividades de asistencia a xuízos de audiencia pública para escolares, estas actividades recibiron o nome de "Operación Violeta", abarcando tamén visitas ás instalacións policiais, Servizos Sociais e CIM.
Así mesmo, foron tratados os puntos a destacar na Declaración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que posteriormente serán presentados na reunión do Consello Municipal da Muller.
Finalmente, foi presentada a avaliación do II Plan Local de Igualdade do Concello de Marín, xa que a mesa ten un papel activo no seguimento e avaliación do Plan.