Deteñen unha parella de noivos, un deles menor de idade, adicados a venda de haxix
Por Oskar Viéitez
A colaboración entre a Policía Nacional e a Policía Local permitiu pechar con éxito unha investigación por tráfico de drogas a pequena escala, menudeo de haxix, iniciada o pasado mes de xuño e que no seu día foi bautizada como "Operación Autoescuela", tutelada polo Xulgado de Instrución número uno dos Pontevedra.
Segundo informaron fontes oficiais da comisaría de Pontevedra, foron os axentes da Policía Local quen o pasado mes de xuño, e tras recibir queixas veciñais polas actividades duns mozos que vivían nun domicilio da zona centro, comprobaron que a esta residencia acudían de cotío persoas que adquirían pequenas cantidades de haxix para o seu posterior consumo. Entre os compradores había algúns menores de idade.
Os axentes da Policía Local puxeron a disposición do grupo de tráfico medio de estupefacientes todo o pescudado por eles, continuando a Policía Nacional coas xestións de investigación.
A Policía Nacional comprobou como a parella de noivos que foron finalmente detidos tiñan como medio de vida a venda de haxix polo miúdo, un deles ademais conta con múltiples detencións anteriores.
A parella durante o desenvolvemento da investigación cambiou varias veces de domicilio co consecuente trastorno para os axentes que tiveron que iniciar novamente as vixilancias e seguimentos.
Unha vez solicitados todos os indicios oportunos, os axentes policiais solicitaron un mandamento de entrada e rexistro no domicilio dos investigados, no que se interviñeron máis de 400 gramos de haxix ocultos no domicilio, pequenas cantidades doutras substancias estupefacientes, diñeiro en efectivo procedente das vendas do haxix así como tamén útiles para a manipulación das substancias.
O detido foi posto a disposición xudicial mentres que a súa noiva, menor de idade, foi trasladada a un centro de protección de menores. A autoridade xudicial finalmente determinou o ingreso en prisión provisional do detido, dándose con iso por desactivado un importante punto de tráfico polo miúdo de haxix entre mozos de Pontevedra.