En Marea esixe á Xunta medidas de seguridade viaria na estrada PO-551
Por Redacción
O viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, comprometeuse a trasladar ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para esixir á Xunta a instalación dun paso de peóns, a construción de beirarrúas e que se reduza a velocidade na estrada PO- 551 no concello de Marín.
Antón Sánchez achegouse este venres a Marín ante o descontento veciñal pola "inacción" do Concello e da Xunta de Galicia para poñer fin á "situación de perigo" á que se enfrontan diariamente na estrada PO-551.
O deputado de En Marea lamentou a "falta de dilixencia" mostrada pola alcaldesa en Marín, María Ramallo, do Partido Popular "que non está a cumprir co seu deber" e esixiu o cumprimento dos acordos aprobados por unanimidade no concello como a moción presentada pola marea veciñal de Marín na que se esixía á Xunta, titular da vía, a instalación dun semáforo con pulsador diante do colexio, a instalación dun paso de peóns, a redución do límite de velocidade nesta estrada e a construción de beirarrúas.
Antón Sánchez considera "inadmisible" a falta de resposta a esta situación, "e máis cando está incluído no programa de mobilidade MOVE" afirmou o deputado de En Marea que denunciou que as condicións da estrada PO-551 "non se adaptan á realidade da densidade de circulación e poboación o que provoca un alto perigo para a veciñanza".
O concelleiro de Marea Marín, Aarón Franco, denunciou ademais a "descoordinación absoluta" entre o goberno local de Marín e o executivo galego no relativo á seguridade viaria que "está a provocar unha situación de inseguridade inadmisible e que tivo tráxicas consecuencias como o accidente na PO-313 no que perdeu a vida unha persoa".