O Camiño da Cividade de Bueu estrea un novo asfaltado
Por Oskar Viéitez
O Camiño da Cividade xa loce dende esta semana un novo aspecto, tras as obras de pavimentación que foron acometidas pola empresa contratista, E.C. Casas, no marco dun convenio de cooperación entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Bueu.
Así o salientaron este xoves durante a visita aos traballos por parte de Félix Juncal, alcalde da vila, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Xosé Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e Antonio Crespo, xefe territorial de Medio Rural.
A actuación, enmarcada no Plan de Infraestruturas Rurais 2017, supón un asfaltado de 550 metros e está valorada en 43.450 euros segundo aclarou Cores Tourís, quen se referiu tamén á necesidade de "colaboración institucional" entre a Xunta e os concellos para conseguir mellores infraestruturas no rural.
O alcalde informou de que a veciñanza se atopa satisfeita cos resultados nun vial que estaba moi deteriorado sobre todo polas últimas acometidas de saneamento.