Só Cidadáns apoia a proposta do PP para baixar os impostos municipais
Por Alejandro Espiño
Baixar algún imposto municipal, ao entender que o Concello ten marxe para facelo sen afectar á súa estabilidade económica. Esa era a proposta que o PP presentou ao pleno municipal da corporación. Pero, entre críticas á falta de coherencia dos populares, tan só logrou o apoio de Cidadáns. BNG e PSdeG-PSOE opuxéronse e Marea abstívose.
Rafael Domínguez, edil do PP, asegurou que a sociedade pontevedresa "demanda una rebaja impositiva", ao entender que pagamos impostos "desproporcionados" en función dos servizos que recibimos. "Hay margen para bajarlos, otra cosa es que haya voluntad política", engadiu, na presentación da súa moción.
Os populares reclamaron que o Concello "siga el ejemplo" do Goberno central, da Xunta de Galicia e doutros concellos da comarca que recortaron a presión fiscal aos cidadáns. Pero foi, sobre todo, este argumento o que enfureceu ao resto da corporación.
O portavoz de Marea, Luís Rei, lembrou que cada pontevedrés paga 591 euros ao ano en taxas e impostos, a terceira cidade galega na que menos se recada. Baixar os impostos, dixo, implica recadar menos e, por tanto, arriscarse a recortar servizos ou endebedarse máis. Ademais, entende que desas baixadas "só se benefician as clases altas".
"Non hai que recadar menos senon xestionar mellor", sinalou Rei.
O socialista Agustín Fernández, pola súa banda, lembrou que o PP, á fronte do Goberno central "non fai outra cousa que aumentar a presión fiscal", xa que subiu nos últimos anos máis de 30 taxas e impostos. Tamén criticou que tan só expoña baixar os municipais e facelo "ao chou", sen especificar cales.
Fernández asegura ser partidario de bonificacións a certo colectivos pero non de aplicar "barra libre" para todos.
Ás críticas sumouse o edil de Facenda, Raimundo González, que recomendou aos populares que "prediquen co exemplo e despois falamos".
María Rey votou a favor da proposta do PP, a pesar de que os populares rexeitaron a introdución dunha emenda na que a portavoz de Cidadáns reclamaba que tamén se instase ao Goberno central a reducir a presión fiscal aos autónomos e á Xunta a que devolva o céntimo sanitario aos contribuíntes. "Solo piden que bajen los impuestos en administraciones que no gobiernan", lamentou.
Relacionadas:
-
María Rey pide implantar unha APP para que os cidadáns alerten de incidencias
Por Redacción |
-
O Concello non modificará, por agora, os horarios da carga e descarga
Por Alejandro Espiño |
-
Xa hai cartos para afrontar a reforma da rúa Cruz Vermella
Por Alejandro Espiño |
-
A comisión de Economía aproba unha rebaixa de impostos pero... será efectiva?
Por Redacción |
-
O PP esixe a Lores unha rebaixa de impostos
Por Redacción |