Tráfico localiza en Bueu un condutor temerario ao difundirse os seus excesos en Facebook
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil identificou o condutor dun vehículo que aparece nun vídeo publicado en Facebook, circulando de forma temeraria no corredor do Morrazo.
No vídeo, que se publicou nun perfil aberto, observábase un turismo Volkswagen Passat, de cor branca, adiantando a outros vehículos, sen respectar unha dobre liña continúa de cor amarela, no quilómetro 7, do corredor do Morrazo CG4.1, á altura do municipio de Moaña.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, por mor das investigacións realizadas polo Grupo de Investigación e Análise do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra (GIAT), púidose localizar o vehículo estacionado nunha céntrica rúa da localidade de Bueu e identificar o condutor, que reside na mesma localidade.
O condutor e propietario do vehículo foi denunciado ante a Xefatura Provincial de Tráfico, por tres infraccións administrativas á Lei de Seguridade Viaria: condución temeraria, carecer de seguro obrigatorio e circular coa inspección técnica do vehículo caducada.
A Garda Civil reitera a importancia que ten a colaboración cidadá, ben mediante chamadas telefónicas, fotografías ou vídeos, que facilitan a identificación dos condutores que transgreden as normas de forma reiterada, e poñen en evidente perigo aos demais usuarios da vía.