Brus, de heroe no rescate do Alvia a xubilarse xogando nunha leira de Salcedo
Por Natalia Puga
A vida de Brus deu un cambio radical. Ata hai tan só uns meses estaba en activo como can policía con base de operacións en Madrid e traballos por toda España. Desde este luns o seu fogar pasou a ser unha casa unifamiliar da parroquia pontevedresa de Salcedo na que o único elemento de continuidade coa súa vida anterior é a hora diaria de adestramento que realiza coa súa nova familia.
Brus prestou servizo na Policía Nacional durante unha década e participou en operacións relevantes, chegando a converterse nun auténtico heroe o 24 de xullo de 2013 e os días seguintes ao traballar nos labores de recuperación de restos humanos tras o accidente ferroviario do Alvia que descarrilou no barrio compostelán de Angrois deixando 80 mortos e 144 feridos.
No seu curriculum tamén figuras intervencións mediáticas como a procura do cadáver da sevillana Marta del Castillo ou a investigación da desaparición e morte de Ruth e José, os nenos de Córdoba asasinados polo seu pai, José Bretón. Tras tanta actividade -e moita outra sen proxección pública- tocaba o momento de abandonar o servizo e buscar unha nova vida de xubilado lonxe de traxedias e uniformes.
Esa plácida xubilación déronlla Marta e Pablo, un matrimonio de Salcedo que o adoptou a través da organización sen ánimo de lucro Heroes de 4 Patas. A entidade creou unha rede de familias adoptantes para conseguir ofrecer unha retirada digna e de calidade a cans que o deron todo por velar pola seguridade cidadá, tanto os que traballan para a Policía ou o Exército como os que o fan en empresas de seguridade privada ou grupos de rescate.
Chega un momento en que estes animais teñen que abandonar o servizo por diversos motivos, tanto porque van cumprindo anos e a súa idade xa non é a adecuada para traballos tan especializados como por perda de capacidades ou outras razóns. No caso de Brus, o retiro veu determinado pola súa idade. Na actualidade ten 11 anos, aínda que está a descubrir unha nova vida coma se se tratase dun cachorro.
Neste redescubrimento conta como aliados con Lúa, a outra mascota da súa nova familia, e co seu novo 'irmán' humano, Brais, de tan só tres anos. En declaracións a PontevedraViva, a nai adoptante explicou que se animaron a adoptalo tras ver o seu caso en televisión e cursaron unha solicitude. Hai dúas semanas levaron unha grata sorpresa ao recibir a confirmación e, tras uns días moi frenéticos, o pasado luns acudiron a Madrid a recollelo.
Para facilitar a transición, o anterior guía de Brus acompañounos no seu primeiro encontro, pero en cuestión de segundos esa mediación manifestouse innecesaria, pois "en ningún momento se extrañó" e de forma inmediata empezou a xogar co seu fillo de tres anos. Nese momento souberon que acertaran coa súa decisión.
A súa nova familia considera que "ya solamente por la labor que hizo durante estos años, merecía la pena" e un dos seus servizos que máis valoran é a súa participación no rescate do Alvia. "Fue uno de los motivos de adoptarlo", pois se trata dun tráxico suceso que ocorreu preto e "nos tocó la fibra".
A pesar da boa sintonía inicial, Marta temía que a adopción a unha contorna vital tan diferente podería resultar difícil, pero equivocábase. Brus estaba especializado na recuperación de restos humanos, pero adoptouse en cuestión de días á súa nova rutina, que mantén, iso si, unha hora de adestramento diario na leira familiar. Antes adestraba oito horas e non quixeron que o seu cambio de constumbres fose tan radical.
O resto do día destínao a xogar con Lúa e Brais e descubriu praceres vitais ata agora descoñecidos como durmir no sofá.. "Le encanta. Cada uno tiene su camita, pero él prefiere el sofá". A primeira noite en Salcedo custoulle entrar en casa, pois estaba máis afeito durmir no exterior, pero ao día seguinte probou o sofá e xa non o deixou. Ese primeiro día mesmo ladrou un pouco, pero xa non volveu a mostrar sinais de inadaptación.
Marta e Pablo rendéronse ante os seus encantos."Es un amor, buenísimo, parece que lleva en mi casa toda la vida", sinala Marta "podría extrañarnos, pero nada de eso, le damos mimos y responde con mucho cariño". A Salcedo mudouse un heroe "muy cariñoso".