Lores pon deberes aos alumnos de Publicidade e Relacións Públicas
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi este mércores o primeiro en manter un coloquio co alumnado da asignatura de Técnicas de propaganda política, do grao en Publicidade e Relacións Públicas.
Lores propuxo varias liñas de traballo do goberno local para que os estudantes propoñan posibles accións comunicativas.
Situar ao alumnado diante dunha casuística ou dunha problemática real á que propor solucións desde o eido da comunicación política é a base do exercicio práctico que a profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación Emma Torres propón ao alumnado da materia. E para achegalos a un reto real, nada mellor que facelo a través dos propios alcaldes e representantes municipais.
Nese senso, Fernández Lores propuxo ao alumnado catro posibles liñas de traballo. Por unha banda, afondar na internacionalización da cidade e, por outra, incidir desde o punto de vista da comunicación no "sentirse orgulloso de Pontevedra", pero tamén a abordaxe do modelo de cidade, máis aló da peonalización, e na idea da transparencia, de que a xente coñeza o que se está investindo.
Despois do alcalde de Pontevedra participou neste exercicio o primeiro edil do Grove, José Antonio Cacabelos, que convidou ao alumnado a traballar arredor do proxecto de peonalización da súa principal rúa comercial. Os universitarios terán que deseñar accións comunicativas que axuden a facer entender aos veciños o importante que é o cambio de hábitos con respecto ao uso do coche, que é o punto de partida para que o plan de humanización funcione.
O tenente de alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita e o seu homólogo en Ribadumia, José Lores ,completan este xoves esta serie de encontros dos responsables municipais cos catro grupos de estudantes da materia.