Co novo mapa educativo, só tres centros de Pontevedra tiveron máis demanda de prazas da súa capacidade
Por Redacción
O novo mapa educativo implantado en Pontevedra de cara ao curso escolar que acaba de empezar tivo boa acollida entre a comunidade educativa e permitiu un reparto de matrícula máis equitativo entre os centros do municipio. En concreto, só tres colexios pontevedreses recibiron máis solicitudes de prazas das que ofertaban.
Esta é unha das conclusións ás que chegaron este martes os membros do Consello Escolar Municipal, reunido na Casa da Luz para analizar o documento presentado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia sobre a implantación do novo mapa educativo de Pontevedra.
Entre as conclusións ás que chegaron os representantes das familias, colexios e colectivos sociais e políticos destaca este reparto educativo de prazas, pero tamén que a maior parte do alumnado xa solicita o centro educativo no que quere estudar baseándose na proximidade dos seus domicilios.
A concelleira de Educación de Pontevedra, Carmen Fouces, indicou que o 60% do alumnado solicita centro baseándose na proximidade aos seus domicilios e o 40% restante faino en base a outros criterios como a presenza doutros irmáns no centro ou a zona de traballo dos pais.
En canto ao reparto de prazas, Fouces sinalou, ao término do encontro, que supón una mellora importante con respecto ao pasado curso escolar, pois no 2016-2017 nove centros pontevedreses recibiron máis solicitudes de prazas das que podían conceder e este ano só tres estiveron nesta situación.
Os membros do Consello Escolar estudarán este documento e volverán reunirse o vindeiro 7 de novembro para facer achegas a este plan, e ir mellorándoo ano a ano.
Relacionadas:
-
A encrucillada dunha familia: separar aos seus fillos en dous colexios ou agrupalos nun sen dereito a transporte escolar
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Así será o novo mapa de zonificación escolar de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Consello Escolar Municipal, pendente de recibir o novo mapa escolar
Por Redacción |
-
Preocupación no colexio Barcelos pola eliminación dunha clase de Infantil
Por Redacción |