Unha colisión entre dous camións corta un carril da autoestrada en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A xornada deste luns está marcada por un gran número de accidentes de tráfico na comarca.
No municipio de Pontevedra rexistrouse unha colisión entre dous camións na autoestrada AP-9.
O impacto por alcance entre un camión e un tráiler provocou o corte do carril dereito, en dirección A Coruña, como consecuencia do envorco dun dos vehículos. O sinistro rexistrouse antes de chegar á ligazón de Curro.
O tráfico restableceuse sobre as 15:00 horas, aínda que un carril permaneceu pechado durante máis tempo.
Segundo informaron os servizos de emerxencias tamén se rexistraron outros dous sinistros en Caldas de Reis e Marín. O primeiro foi unha colision entre dous coches en Godos e o segundo tratouse do envorco dun coche na estrada Marín - Moaña, á altura do antigo vertedoiro, quilómetro 8.
Ademais rexistrouse unha saída de vía que se saldou cun ferido en Dena.