O PP pídelle "transparencia" ao goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez
Os deputados do Partido Popular presentan unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria que se celebrará o venres, na que solicitan ao goberno da Deputación que cumpran a lexislación en materia de transparencia, acceso á información pública e as normas de bo goberno, "os que deben ser eixes fundamentais de toda a acción política".
Os populares lembran que o regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, ao igual que o regulamento orgánico da Deputación, faculta aos membros dunha corporación a obter da Presidencia ou Xunta de Goberno, cantos antecedentes, datos ou información obren en poder dos servizos da corporación provincial e resulten precisos para o desenvolvemento das funcións que lle son propias da súa condición de deputados provinciais.
O PP denuncia a "falta de transparencia" na actuación do goberno provincial e cita coma exemplo a negativa por parte da presidenta da Deputación a entregar ao Partido Popular os informes xurídicos e económicos referidos á proposta de modificación do actual modelo de xestión indirecta dos parques de bombeiros provinciais, solicitados en sede plenaria e despois por escrito o 31 de xullo, amparándose nun suposto prexuízo á "confidencialidade e segredo requerido nos procesos de toma de decisión".
Os populares consideran que a negativa da presidenta a facilitar a información solicitada "menoscaba o labor de control e fiscalización" que lle corresponde desde a oposición e "vulnera os dereitos" que lle corresponden pero "tamén os dereitos dos cidadáns da provincia a coñecer a acción dos responsables públicos na toma de decisión que lles afectan".