Detido un veciño de Vilanova de 80 anos que tentou atropelar o seu fillastro
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo a pasada fin de semana un veciño de Vilanova que supostamente tentara atropelar co seu coche ao seu fillastro.
Segundo informou o instituto armado, os feitos sucederon durante a tarde do pasado xoves na parroquia de Tremoedo. Despois dunha discusión que se suscitou entre ambos no domicilio familiar, o fillastro, un mozo de 21 anos, decidiu marchar coa intención de dar un paseo. Cando estaba na rúa falando cunha amiga viuse obrigado a tirarse a un lado da vía para evitar ser atropelado polo vehículo que conducía o seu padrasto.
Segundo a versión do denunciante e os relatos de varias testemuñas, o padrasto ao non conseguir o seu obxectivo deu marcha atrás e volveu acelerar tratando de embestilo de novo, invadindo o carril esquerdo da estrada.
Os dous últimos intentos, afortunadamente frustrados, producíronse momentos despois cando se atopaba coa mesma moza e outras dúas persoas nunha explanada contigua á mesma estrada.
En base á denuncia presentada e os testemuños recollidos que, en principio, abalan a versión do denunciante, os efectivos do posto da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa que acudiron ao lugar para atender a incidencia, procederon á detención de F.P.S., de 80 anos, por un suposto delito contra a seguridade do tráfico (condución temeraria) e intento de atropelo ao seu fillastro.
O arrestado foi posto a disposición do Xulgado de Instrución nº 1 de Vilagarcía que decretou a súa liberdade provisional con cargos, cunha orde de afastamento do seu fillastro de 500 metros e a retirada temporal do permiso de condución durante tres meses.