Os maiores de Cambados, Cuntis e Ribadumia póñense 'en marcha' coa Deputación
Por Redacción
Os concellos de Cambados, Cuntis e Ribadumia súmanse esta semana a unha nova entrega dos obradoiros do programa 'Depo en Marcha 2017' da Deputación de Pontevedra para o fomento do envellecemento activo.
Esta acción da institución provincial impartirá, ao longo deste exercicio, un total de 161 cursos para entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas de 45 concellos da provincia e chegará esta semana tamén aos municipios de Baiona, Ponteareas, Redondela, O Rosal e Salceda de Caselas, sumando arredor de 150 novos participantes.
Este luns 25 de setembro comezan unha acción formativa para 18 persoas da asociación veciñal de Barrantes, en Ribadumia, que recibirán formación en manualidades variadas, para o que adquirirán destrezas sobre técnicas básicas de traballos manuais, os tipos de materiais e a elaboración de diferentes tipos de elementos ornamentais.
Este martes 26 será a quenda de 17 persoas da asociación de persoas xubiladas e pensionistas Baños de Cuntis, que recibirán a formación 'Conservando a memoria', na que aprenderán o funcionamento da memoria, adquirindo técnicas de adestramento para o desenvolvemento da mesma, reflexionando ademais sobre a relación entre unha boa memoria e unha dieta equilibrada.
Este xoves 28, 'Depo en marcha' chegará a Cambados. Un total de 17 integrantes da asociación O Batuqueiro de Vilariño iniciarán un obradoiro de tapiñas e petiscos, no que adquirirán as destrezas para elaboralos, para a presentación e decoración dos produtos e tamén normas básicas de seguridade e hixiene alimentaria.
'Depo en Marcha' conta con actividades encaixadas en diversas temáticas e cun orzamento de 120.000 euros e busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e tamén o intercambio de experiencias.