O outono chega cun tempo cambiante: da choiva ao anticiclón
Por Redacción
Desde que o venres 22 entrou oficialmente a nova estación, o tempo manifestouse cambiante e atípico para o outono. Tras unha xornada de transición este sábado, este domingo prevese que traia choivas ao longo da tarde e, con todo, o luns volverán os ceos con nubes e claros e cara a final de semana as Rías Baixas quedarán en influencia anticiclónica débil.
Este domingo a previsión de Meteogalicia é que haxa ceos con nubes e claros con momentos moi nubrados ou pouco nubrados ou despexados e, pola tarde, precipitacións. En canto ás temperaturas, as mínimas serán baixas, ao redor dos 9 graos, e as máximas chegarán aos 23.
O tempo manterase similar, aínda que sen previsión de choivas, este luns e durante a primeira metade da semana. As temperaturas serán normais para este período, con mínimas que ascenderán notablemente aínda que oscilarán entre os 12 e os 16 graos e máximas que se manterán sen cambios e roldarán os 22 e 23.
Durante as xornadas de xoves e venres Galicia quedará en influencia anticiclónica débil, polo que se espera unha baixa probabilidade de precipitación en xeral, con réxime de ventos de compoñente oeste que achegarán máis nubes á franxa atlántica. As temperaturas serán suaves, propias da época do ano.
A partir das últimas horas do venres e durante o sábado e o domingo, a atmosfera preséntase máis inestable, cunha situación intermedia entre altas e baixas presións, polo que teremos un aumento das probabilidades de choiva e un descenso de temperatura, que se manterá a principios da seguinte semana.