Carreira solidaria polos montes de Barro en beneficio da protectora Cadeliños
Por Redacción
O vindeiro domingo 1 de outubro celebrarase a II Carreira Solidaria Montes de Curro, unha actividade pensada para toda a familia organizada pola Asociación de Rescate Animal Cadeliños en colaboración coa Comunidade de Montes de Curro, no Concello de Barro.
As inscricións terán un prezo que varía entre os tres e os oito euros en función da categoría e todo o recadado destinarase integramente aos fins da asociación Cadeliños, que se dedica a axudar a animais abandonados e buscarlles un novo fogar.
A carreira percorrerá un circuíto con piso de terra con tramos pedregosos, pero debidamente sinalizados. Os organizadores fixaron tres modalidades de percorrido: un para corredores máis expertos cun percorrido de entre 15 e 20 quilómetros, outro para principiantes de 8 quilómetros e unha 'andaina' de cinco quilómetros pensada para facer en familia e levar aos cans, que deberán ir atados para evitar accidentes.
As inscricións poden realizarse ata o vindeiro venres 29 de setembro a través da páxina www.galitiming.com e a retirada de dorsais realizarase o mesmo día da proba ata 15 minutos antes da saída.
A asociación Cadeliños realizará varios sorteos para agradecer aos corredores a súa participación, montará un posto informativo e de venda para todas as persoas que poidan estar interesadas e dará a oportunidade de coñecer a algúns dos cans que están en adopción.
Durante o percorrido haberá varios postos para refrixerios e, ao terminar, os participantes contarán con espazo para ducharse nas instalacións do complexo social e deportivo da comunidade de montes de Curro.