Restauran e musealiza do Foxo do Lobo de Laxoso para explotalo como atractivo turístico
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas dá por rematada a actuación para restaurar e musealizar o Foxo do Lobo de Laxoso, unha estrutura construída en pedra polos canteiros do municipio a modo de trampa para a caza do lobo que está considera unha das máis interesantes de Galicia do seu ramo.
A trampa tradicional está formada por dúas sebes de pedra en forma de funil que rematan nunha estrutura circular na que se daba morte ao animal. A lonxitude total é de 448 metros e o Concello realizou unha actuación de limpeza integral para a súa posta en valor como un atractivo turístico máis do municipio.
Un panel explicativo, instalado no marco dunha subvención concedida pola Deputación Provincial, completa a recuperación, dirixida polo arqueólogo Alberte Reboreda.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou o espazo e recibiu as explicacións do experto sobre a funcionalidade desta trampa, situada nunha zona integrada na rede municipal de sendeiros intercomunicados.
O proxecto inclúe tamén ampla información sobre as batidas ou corridas do lobo, nas que participaban diversas persoas capitaneadas polo monteiro. O monteiro maior mesmo era unha figura legal con competencias para a restauración e mantemento do foxo, organizar as batidas e convocar á veciñanza.
Os participantes esgrimían talouras (ramallos para situar visualmente a todos os participantes na batida) e unhas lanzas denominadas bisarmas, que contaban cun gancho na punta para desgarrar e arrastrar o corpo do lobo.