A comisión de Economía aproba unha rebaixa de impostos pero... será efectiva?
Por Redacción
"Estoy eufórico", con esta frase o concelleiro popular Rafael Domínguez quería mostrar a súa satisfacción polo resultado obtido na comisión de Economía que preside cando na mañá deste venres saía aprobada unha baixada de impostos. Unha proposta popular que saía adiante co apoio de Cidadáns e o voto contrario do BNG, ao que lle faltaba un concelleiro, mentres o PSOE e o Marea abstíñanse. En caso de empate é o presidente quen decide e neste caso
Na súa proposta, o grupo municipal do PP reclamaba ao goberno local que baixase algún dos impostos municipais. Segundo Rafael Domínguez é unha decisión que Miguel Anxo Fernández Lores pode adoptar porque o pasado ano as arcas municipais obtiveron cinco millóns e medio de superávit.
O concelleiro popular lembraba que é a terceira vez que presentan unha moción neste sentido. Rafael Domínguez cre que se pode baixar o IBI un 10% e iso levaría unha baixada dun millón de euros para os cidadáns de Pontevedra. Os populares esperan que cando este tema leve a pleno poida ser aprobado aínda que manifestaron as súas dúbidas sobre a actitude que manterá o BNG.
RESPOSTA DO ALCALDE
Precisamente Miguel Anxo Fernández Lores contestaba a Rafael Domínguez indicando que Pontevedra está entre as 40 cidades españolas que contan cun carga impositiva máis baixa sobre os seus habitantes. Alegou que o goberno municipal ten os impostos estabilizados desde hai anos e respondeu aos populares que non se poden demandar obras urbanas ou doutro tipo se non hai capacidade económica para afrontalas.
Retou ao Partido Popular a que dean exemplo nas administracións que goberna e reduzan os impostos que subiron. "O PP sube o IVE e non o baixa. Que prediquen co exemplo", dixo Fernández Lores, que apuntou que Pontevedra non chegou a elevalos senón que os mantivo e iso xa supón unha redución porque o custo da vida sobe.
O alcalde afirmou que o diñeiro público cando se inviste xera máis actividades económicas e emprego, sendo fundamental nun momento de crise. "O que quere o Partido Popular é a lei da selva" concluíu o rexedor.
CRÍTICAS AO PLAN DE OBRAS
Por outra banda, o popular César Abal criticou o Plan de Obras presentado polo concelleiro Demetrio Gómez cualificándoo de táctica de "maquillaxe".
Abal indica que o plan está inflado ao constar investimentos privados, recoller dúas veces a mesma obra ou facer referencia a traballos que proceden de anos anteriores como é o caso do saneamento do Gafos.
O concelleiro popular indicou que, con todo, non se fala doutras obras que o Bloque se comprometera a acometer como a reforma de Loureiro Crespo, o parque de Mollabao ou a rehabilitación do antigo edificio do Concello.