O goberno provincial retira a modificación do último plan provincial para evitar as críticas do PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Ante as críticas da oposición polo cambio das bases reguladoras das subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares nos concellos de menos de 20.000 habitantes, o Partido Socialista propuxo ao Pleno da Deputación a retirada da modificación desas bases que en agosto de 2017 foron aprobadas por unanimidade.
David Regades, portavoz do grupo provincial do Partido Socialista, xustificou esta decisión para evitar suspicacias do Partido Popular, aínda que precisou que non eran "modificacións substanciais senón aclaracións a preguntas de funcionarios".
Na mesma liña, o portavoz nacionalista César Mosquera explicou que estas axudas cumpren un compromiso programático como é "mellorar o reequilibrio territorial dos servizos". O portavoz do BNG e vicepresidente recriminou que convertesen unhas "aclaracións" aos criterios de adxudicación destas axudas nun "cabalo de batalla" con acusacións de caciquismo cara ao goberno provincial porque "cre o ladrón que todos son da súa condición", polo que apoiou a retirada desta modificación "e non pasa nada".
O portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes lamentou a "falta de criterio" do goberno provincial por esta "chapuza" e sinalou que "o problema é que vostedes estaban a cometer unha ilegalidade" por presentar unhas modificacións ás bases "dous días despois de rematado o prazo para pedir as axudas".
"O que sucede aquí é que vostedes e saben de antemán a quen lle vai a dar o diñeiro", acusou Moldes "están a tentar ocultalo e cren que somos tontos".
A ratificación das bases reguladoras coa inclusión do carácter plurianual das axudas e a retirada da modificación foi aprobada coa única abstención do deputado de SON Marea.
Relacionadas:
-
O PP denuncia o reparto "a medida" do plan de reequilibrio da Deputación e pide a súa paralización
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O PP solicita de novo á Deputación a relación de concellos que pediron axudas para proxectos singulares
Por Redacción |
-
A Deputación e PP acúsanse mutuamente de caciquismo
Por Oskar Viéitez |