Oubiña presenta aos veciños de Mourente a reforma dos Areás
Por Redacción
Os veciños do lugar dos Areás en Mourente manteñen este xoves un encontro co concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña, para coñecer o proxecto de mellora da rúa na que se levará a cabo a instalación do novo abastecemento, o asfaltado e tamén está previsto reorganizar o tráfico da rúa que une a Nacional 541 coa zona na que se celebra a Festa do Caldo.
Os veciños, segundo informa o Concello de Pontevedra, queren transformar a vía nunha estrada dun único sentido de circulación, porque a actual consideran que é moi estreita. Alberto Oubiña quere coñecer a proposta veciñal para trasladala aos técnicos municipais para que a estuden e desenvolvan un proxecto.
Está previsto que ao longo das próxima semanas se inicien as obras de instalación da rede de abastecemento de auga potable, un proxecto que supera os 84.000 euros. A empresa Oserco realizará melloras cun incremento do grosor do asfalto e a ampliación da rede de augas cincuenta metros máis en dirección á urbanización de Monte Porreiro. O prezo da licitación desta obra alcanza os 104.753 euros.
A instalación da nova rede conta cunha lonxitude de 700 metros e estará montada cunha tubaxe de fundición dúctil. Asfaltarase toda a vía substituíndo o firme actual, unha idea que ten previsto levar a cabo o goberno local en todas as obras en vías de menos de catro metros de ancho. Neses casos asfaltarase toda a rúa e cando se trate dunha vía de dobre dirección pavimentarase todo o carril de circulación.
O abastecemento da zona dos Areás súmase á rede de auga potable que se instalou na estrada xeral de Ourense, en Mourente, aproveitando as obras de instalación da rede de sumidoiros. Segundo o goberno local, con estas actuacións, a práctica totalidade dos núcleos de poboación de Mourente dispoñerán de auga potable.
Relacionadas:
-
As obras para ampliar a rede de abastecemento de auga nos Areás, en marcha
Por Redacción |
-
A auga chegará a máis veciños dos Areás
Por Alejandro Espiño |
-
"Vimos a ducharnos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Adxudican por 84.000 euros a obra que levará o abastecemento de auga ao núcleo dos Areás, en Mourente
Por Redacción |
-
160 vivendas de Mourente poderán conectarse ao saneamento nas próximas semanas
Por Redacción |