A Deputación e PP acúsanse mutuamente de caciquismo
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, contestou que "o Partido Popular é un partido de caciques" en referencia ao recurso de reposición que os populares queren presentar para impugnar as bases do último plan provincial de axudas para os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes que cualificaron como "a maior cacicada do bipartito".
Os deputados do PP, Ángel Moldes, Luisa Piñeiro e Luís Aragunde, denunciaron este xoves en rolda de prensa que o goberno da Deputación esperou ao día que finaliza o prazo para que os concellos presenten os seus proxectos para facer "modificacións importantes nas bases" que este mércores foron publicadas no BOP.
A alcaldesa de Moraña e deputada popular, Luisa Piñeiro explicou que foron catro as modificacións que se fixeron das bases, pero una delas é "fundamental" xa que acepta a posibilidade de que os concellos poidan cofinanciar proxectos con achegas privadas ou particulares. Tamén criticaron que sexa unha comisión a que se encargue de interpretar cales son os proxectos "singulares".
O PP considera que coas últimas modificacións "demostran que é unha cacicada, un plan encuberto e redactado á medida" e que os beneficiados van ser "os amigos da señora Silva e do señor Mosquera".
Por todo isto, Ángel Moldes sinalou que o que piden desde o Partido Popular é que se paralice este proceso e comecen de novo, "garantindo igualdade de condicións para todos os concellos".
RESPOSTA DE CARMELA SILVA
Preguntada polos xornalistas sobre este asunto, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou en rolda de prensa que na comisión informativa na que se tratou este asunto o interventor da administración provincial "moi enfadado" xa contestou ao PP, "dicíndolles que era unha barbaridade o que estaban a dicir" pois a modificación das bases "simplemente o que contempla é pasar de 6 millóns a 18 millóns de euros e non afecta para nada a ningún dos proxectos presentados", asegurou.
Carmela Silva defendeu que as bases destas axudas "con claridade e obxectivamente" expoñen cales son os requisitos para ter o financiamento dos proxectos que se presenten e lamentou "que os caciques chamen o que eles son a xente que é absolutamente transparente".
"Caciques, xente detestable", engadiu a presidenta provincial antes de valorar o ocorrido co anterior goberno da Deputación como "vergoñoso o que facía o Partido Popular coa libre designación a dedo" coa que financiaron numerosas infraestruturas "só aos concellos do Partido Popular".
"Eu síntome avergonzada do Partido Popular", dixo Carmela Silva. "Por iso moitas veces pasan cousas gravísimas en España que derivan desa forma de facer política que ten o Partido Popular, que tenta bombardear mentindo e tomando decisións gravísimas que logo nos afectan a todos", concluíu.
Relacionadas:
-
O PP denuncia o reparto "a medida" do plan de reequilibrio da Deputación e pide a súa paralización
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O PP solicita de novo á Deputación a relación de concellos que pediron axudas para proxectos singulares
Por Redacción |
-
O goberno provincial retira a modificación do último plan provincial para evitar as críticas do PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP propón á Deputación aumentar a partida do "miniplan" para concellos de menos de 20.000 habitantes
Por Oskar Viéitez |
-
O PP tilda de "improvisado" e "insuficiente" o plan da Deputación de grandes obras para concellos pequenos
Por Natalia Puga |
-
A Deputación pon en marcha un plan de 18 millóns de euros para grandes obras en concellos pequenos
Por Natalia Puga |