Román Rodríguez comproba a aposta pola educación dixital do instituto Xunqueira II
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, salientou este mércores en Pontevedra a aposta do goberno galego polo impulso dos coñecementos científico-tecnolóxicos nas aulas. Así o explicou durante a súa visita ao IES Xunqueira II, un centro que vén de incorporar neste curso o libro dixital (e-dixgal) en 1º de ESO.
Ademais, os alumnos da Xunqueira II, xa desde o pasado curso, están traballando nas aulas con kits de robótica, programación e impresión 3D.
Segundo Román Rodríguez, este material non está pensado unicamente para as materias de tecnoloxía, senón que permite un traballo integrado e interdisciplinar con outras materias como poden ser as matemáticas, a física ou a química.
O conselleiro subliñou a importancia de dar resposta aos desafíos educativos do futuro, o que esixe poñer a disposición dos alumnos, e tamén dos docentes, ferramentas que lles sirvan para desenvolverse nun escenario onde as competencias dixitais xogan un papel esencial.