O parque da Seca acollerá o festival solidario Festisenda
Por Redacción
As concellerías de promoción económica e benestar social e igualdade do Concello de Poio presentaron este martes o proxecto final da experiencia formativa Senda 2017 co obxecto de fomentar o emprendemento e mellorar as capacidades na procura de emprego, dende o punto de vista da innovación social.
Como eixos do proxecto están a intelixencia emocional, a marca persoal, a cultura colaborativa e o traballo en rede, a mellora da empregabilidade a través da dixitalización, sesións colectivas e sesións individuais de acompañamento, visitas inspiradoras de empresas exitosas e outras institucións, ata as sesións de emprendemento impartidas en colaboración coa consultora viguesa Suma Importancia e outras entidades.
No acto reunironse os 20 participantes, así como o equipo de docentes e o persoal do departamento de promoción económica encargado de sacar adiante o proxecto.
Nesta rolda de prensa tamén se deu a coñecer o obxectivo e contidos do proxecto final: o festival solidario Festisenda, organizado polos integrantes de Senda, que se celebrará o próximo 30 de setembro no parque da Seca a partir das 21,00 horas.
O festival ten o obxectivo solidario de recolectar alimentos para doar ás persoas máis necesitadas do municipio.