Retiran a acusación contra dous dos tres sindicalistas aos que atribuían unha grave agresión a dous porteiros dun club de alterne
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu este martes retirar a acusación contra dous dos tres homes que sentaron no banco dos acusados por presuntamente apuñalar e golpear a dous porteiros dun club de Peinador. O fiscal comezou o xuízo acusando os tres, pero, tras a celebración da vista, decidiu continuar o proceso tan só contra un ao non considerar acreditado que os outros dous cometesen os delitos xulgados.
Os avogados da acusación particular sumáronse á petición do fiscal, de modo que a presidenta do tribunal da Sección Cuarta da Audiencia que xulga o caso, Nélida Cid, xa tomou unha resolución no propio acto do xuízo e ordenou aos dous homes finalmente absoltos que abandonasen o banco dos acusados.
O terceiro procesado, Francisco José Varela Viéitez, segue acusado dun delito de homicidio en grao de tentativa e un delito de lesións pola agresión aos dous porteiros, que se produciu o 24 de decembro de 2010. Por ambos os delitos, o fiscal pide que sexa condenado a 13 anos de prisión, nove polo primeiro e catro polo segundo, e que se lle prohiba achegarse a menos de 500 metros das súas dúas vítimas e comunicarse con eles durante 15 anos. Ademais, deberá indemnizar a un con 700.000 euros e a outro con 40.000 euros.
O xuízo celebrouse este martes e quedou visto para sentenza. Durante o transcurso do mesmo, declararon os tres acusados iniciais e tamén as súas presuntas vítimas, aínda que un dos porteiros, de inicial V., apenas puido achegar datos ao procedemento, pois sofre graves secuelas relacionadas coa memoria e non lembraba nada do ocorrido aquela Noiteboa de hai sete anos.
O outro porteiro atacado, de inicial A., recoñeceu sen ningún xénero de dúbidas a Francisco José Varela como a persoa que o acoitelou aquela noite e relatou que só chegou a ver a un dos outros homes que estaban inicialmente acusados, J.A.F.V., pero só porque, nun momento dado, suxeitoulle polo brazo para evitar que fose tras o seu amigo, xa que a el non chegou a facerlle nada.
Sobre o seu agresor, relatou que lle atacou e cravou o coitelo na perna e o abdome e tamén lle causou un corte na cabeza, todo cunha navalla antes de que lograse escaparlle e eludir máis ataques escondéndose tras un coche. Este porteiro non pode achegar detalles do que lle ocorreu ao seu compañeiro, pois non viu a agresión. Esoutro porteiro, que non lembra o ocorrido segundo relatou na sala, necesitou un ano para curarse dos graves golpes e coiteladas recibidos, dos que 173 estivo no hospital.
Como consecuencia das secuelas que padece, este segundo porteiro, V., ten dificultades para o procesamento da información, a atención alternante e dividida para actividades complexas, a memoria anterógrada e de traballo, e a planificación de tarefas a medida. Todo iso sumado á leve papraparesia espástica de membros inferiores, o que lle impide a realización de traballos competitivos no mundo laboral.
O home que segue acusado, Francisco José, relatou na sala que ese día tivo unha comida con outros tres compañeiros sindicalistas en Vigo e tanto ao xantar como o resto da tarde todos estiveron a beber moito. Xa pasada únaa da madrugada, chegaron ao local de Peinador referido e lembra que houbo unha discusión porque os porteiros esixíanlle o pago dunha entrada e el e os seus amigos negábanse e tamén "que me empujaron" e que houbo un forcejeo, pero despois "non lembro que pasou".
"Fue un poco confuso", explicou o acusado, que máis tarde descubriu que tiña unha navalla multiusos na man, pero non sabe de onde saíu, pois súa non era. A continuación, foise do lugar, segundo asegura, porque "me entró el pánico y necesitaba coger oxígeno".
Con el chegaran outros tres amigos. Un deles estivo acusado no inicio do procedemento, pero este martes xa foi á Audiencia como testemuña e sinalou que ese día todos habían bebido moito alcol e, ao chegar ao club, iniciouse un forcejeo, pero non viu máis nada que ao seu compañeiros A.E.F.M. axudando a un dos porteiros que xa estaba lesionado no chan.
Os outros dous sindicalistas que xa non están tampouco acusados confirmaron que ese día beberan moito e, cando chegaron ao club, os porteiros esixíanlle o pago dunha entrada, pero eles entendían que non debían pagala porque xa ían consumir no interior. Nese momento, empezou unha discusión e enfrontamento. Todo ocorreu "moi rápido" e A.E.F.M. lembra que lle empuxaron e que logo, cando viu que había un porteiro no chan sangrando, tentou axudarlle. Nega que agredise a ningún dos dous feridos e tan só viu que Francisco José agrediu, pero non J.A.F.V..
Ademais, ambos os homes coinciden en que, terminada a pelexa, abandonaron o lugar sen saber o alcance das lesións que tiñan os porteiros e que, uns metros máis adiante, cando xa ían no coche, recolleron a Francisco José, que ía camiñando e levaba unha navalla na man. Segundo a versión de ambos, relatoulles que collera a navalla a un porteiro e picara a un nunha pelexa, sen máis detalles.