A Deputación e a Universidade de Vigo ofertan un curso de igualdade para profesorado e o alumnado
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron este martes un convenio para a formación en materia de igualdade para o profesorado e o alumnado.
Carmela Silva, que se confesou "fan total e absoluta desta universidade", explicou que este acordo enmárcase no convenio marco que estableceu a administración provincial coa institución académica. En virtude do novo compromiso asinado este martes a Deputación achegará algo máis de sete mil euros para o desenvolvemento dun curso de formación que oferta 40 prazas e que se impartirá na Escola Provincial Pública de Igualdade María Vinyals.
Constará de dous módulos, un presencial e o outro en liña, e vanse a desenvolver entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018. As coordinadoras deste curso, as profesoras Azucena Arias e María Álvarez Lires, explicaron que os contidos abarcarán desde aqueles datos que xeran a desigualdade entre homes e mulleres, os mitos, as barreiras, os estereotipos, a lexislación nesta materia, a violencia machista, a identificación de elementos sexistas no sistema educativo, ata a linguaxe inclusiva, entre outros moitos temas.
A presidenta da Deputación aproveitou esta última referencia para adiantar que no pleno deste venres vai presentar unha guía de linguaxe inclusivo propia desta institución e tamén un regulamento de uso desta linguaxe non sexista. "Seguimos loitando pola Igualdade para que esta administración sexa unha referencia", sinalou Carmela Silva.
Finalmente o reitor sinalou que a sociedade actual "na que o acceso á información é tremendo" está a observarse "un proceso claro de involución" que se detecta "nas novas xeracións e en moitas pautas" polo que, Salustiano Mato, insistiu en que este curso de formación en Igualdade "é máis importante agora que antes, mesmo que hai vinte anos", afirmou.
Relacionadas:
-
O persoal docente xa pode matricularse no curso de igualdade da Escola María Vinyals
Por Redacción |
-
A Deputación destinará este ano 100.000 euros a asociacións que loitan contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
A Deputación incorpora aos seus programas de igualdade as demandas de 234 entidades da provincia
Por Redacción |