Detido por varios delitos tras unha persecución en coche por Poio
Por Diego Espiño & Natalia Puga
Espectacular persecución a protagonizada pola Garda Civil de Tráfico a última hora deste luns nos primeiros quilómetros da PO-308, en Poio.
Todo comezou cando unha patrulla detectou unha infracción grave por parte dun condutor e tentou darlle o alto na zona da Barca, momento no que se deu á fuga causando no seu camiño danos a varios vehículos.
Nun determinado momento da persecución o coche parou a súa marcha, na contorna de Andurique. Foi cando aproveitou un dos axentes para achegarse a pé e realizar un "disparo controlado" a unha das rodas para evitar que emprendese de novo a huída, segundo fontes da Garda Civil.
Unha vez interceptado procederon a identificar os cinco ocupantes do turismo e detívose ao condutor. Trátase dun home de 49 anos, veciño de Ourense, que responde as iniciais de R.P.A.
Tras realizarlle as probas pertinentes comprobouse que o home conducía baixo os efectos do acohol e as drogas.
Por todo iso ao detido impútanselle varios delitos contra a seguridade do tráfico, entre eles por condución manifestamente temeraria, ademais de polos danos causado a outros vehículos durante a fuga.
Unha vez instruídas as dilixencias o home quedou en liberdade á espera que sexa requirido polo xulgado ao que foi asignado o caso.