Barcelona acolle a presentación da Festa do Marisco
Por Redacción
O Concello do Grove celebrou este mediodía en Barcelona, nas instalacións do Eurostars Grand Marina Hotel, o xantar de presentación nacional da tradicional Festa do Marisco 2017, que este ano terá lugar do 5 ao 15 de outubro.
O encontro, que reuniu máis de 150 persoas, iniciouse cunha benvida e os discursos do presidente de Grupo Hotusa, Amancio López Seijas; a concelleira de Turismo e Cultura do Concello do Grove, Emma Torres Romay; e o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos Rico. Seguidamente, mostrouse un vídeo promocional.
Durante o acto, os asistentes puideron degustar unha serie de especialidades elaboradas con produtos galegos e realizadas polos chefs do Gran Hotel La Toja e do Eurostars Grand Marina Hotel, ambos cunha gran experiencia na cociña tradicional galega.
En concreto, o menú estivo composto por pratos como o tradicional polbo a feira, realizado por un mestre pulpeiro da localidade; barca de mariscos composta por lumbrigante, nécoras, ostras e mexillóns; ameixas da ría cociñadas ao estilo mariñeiro; arroz caldoso de navallas e zamburiñas e torta de améndoa caseira acompañada de xeado de licor de café.
Todos os produtos do xantar foron seleccionados polos propios chefs do porto pesqueiro do Grove e poderán gozarse tamén durante a Festa do Marisco 2017 desta localidade.
O acto finalizou coa tradicional conxuro da queimada.
Relacionadas:
-
O Restaurante Atrio gaña o premio nacional de gastronomía tradicional "Lola Torres"
Por Oskar Viéitez |
-
As forzas de seguridade preparan un dispositivo especial para a Festa do Marisco
Por Redacción |
-
Xa está na rúa o programa da Festa do Marisco
Por Redacción |
-
A Festa do Marisco presentarase en Barcelona
Por Redacción |