Detidos os autores de roubos en 30 coches nas praias do Grove e Sanxenxo
Por Redacción
Axentes da Garda Civil detiveron dous veciños de Madrid, acusados da comisión de ao redor de 30 roubos en vehículos estacionados nas praias de Sanxenxo e O Grove.
Estableceuse un amplo dispositivo de prevención e investigación que viña realizando con motivo dos roubos en vehículos que se producían nos estacionamento das praias situadas nos municipios de Sanxenxo e O Grove.
O pasado martes 12 de setembro, unha patrulla de seguridade cidadá do posto principal da Garda Civil de Sanxenxo, localizou e detivo nas proximidades da praia de San Vicente do Grove a dous individuos que, momentos antes, levaran varios efectos no interior dun vehículo cando estaba estacionado nas inmediacións da ermida da Lanzada.
Os axentes interviñéronlles varios obxectos: un bolso, dúas carteiras, unhas lentes e documentación, ademais duns prismáticos e as ferramentas que utilizaban para forzar as fechaduras dos turismos.
As investigacións foron determinantes para concluír que estas dúas persoas foran os supostos autores dunha trintena de roubos que se cometeron, co mesmo modus operandi, durante os dous últimos meses nas praias de Sanxenxo e O Grove.
Os detidos, A.R.M. e S.A.F., de 54 e 39 anos, ambos os dous veciños de Madrid, tiñan pendentes dúas ordes xudiciais de localización, ademais dun amplo historial de antecedentes por este mesmo tipo de feitos delituosos. Foron postos a disposición do xulgado de instrución número 4 de Cambados. Quedaron en liberdade provisional coa obriga de comparecer nos xulgados nos vindeiros días.