A prestación asistencial da matrona en Caldas pasa a ser de tres días á semana
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde decidiu ampliar os días de cobertura de atención da matrona en Caldas de Reis, tal e como viñan demandando as usuarias. Esta actividade estaba a desenvolverse nun local cedido polo Concello porque o centro de saúde carece de espazo suficiente.
As usuarias queixábanse tamén das malas condicións deste local e desde o Sergas indican que é o Concello de Caldas o órgano responsable da limpeza desta zona.
Segundo o Sergas, a ausencia inesperada da profesional titular provocou problemas no servizo durante as últimas semanas e indícase que esta situación foi paliada "na medida do posible" debido á carencia de matronas por unha profesional que comezou realizando o servizo durante dous días á semana e que a partir do luns 18 de setembro ampliará a súa atención un día máis.
NOVO CENTRO DE SAÚDE
O Sergas emitiu un comunicado no que confirma que mantén o obxectivo de construír un novo centro de saúde e atópase á espera de poder contar cun terreo municipal cedido oficialmente para levar a cabo este proxecto.
Segundo expón a administración autonómica, técnicos do Sergas visitaron varias localizacións propostas polo goberno local de Caldas. Indica que algunhas parcelas propostas non cumpren cos requisitos necesarios para a creación do centro de atención primaria pola orografía, por risco de inundacións ou por outras condicións limitantes.
En todo caso, desde a Consellería de Sanidade afirman que unha das parcelas propostas polo Concello "podería reunir as condicións técnicas para a edificación", pero aínda son necesarias diversas actuacións que teñen que acometer o Concello para proceder á súa cesión definitiva, que permita a construción do novo centro de saúde.
Relacionadas:
-
O Sergas pon en marcha na Tafona unha consulta para a matrona e unha sala de actividades
Por Redacción |
-
O Sergas analizará o novo espazo proposto en Caldas para a prestación da atención da matrona
Por Redacción |
-
SATSE reclama a presenza constante e con espazo propio dunha matrona no centro de saúde de Caldas
Por Oskar Viéitez |
-
Na procura dunha solución para o servizo de matrona en Caldas de Reis
Por Redacción |