As forzas de seguridade preparan un dispositivo especial para a Festa do Marisco
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, copresidiu xunto ao alcalde, José Antonio Cacabelos, a reunión da Xunta Local de Seguridade do Grove. Á mesma asistiron representantes municipais, da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Local.
Na reunión tratouse a situación actual en materia de seguridade no Grove e as previsións para a celebración da Festa do Marisco, que terá lugar do 5 ao 17 de outubro. "É unha cita que require a máxima coordinación para garantir a seguridade", engadiu a subdelegada do Goberno en Pontevedra.
Ademais, realizouse un balance da evolución dos índices de seguridade no municipio cuxos resultados arroxan un descenso do 22,01% das infraccións penais entre xaneiro e xullo deste ano, en comparación co mesmo período do ano anterior.
A subdelegada do Goberno tamén quixo destacar que O Grove, por ser unha zona costeira e turística, ocupa un "lugar importante" nas preocupacións de seguridade da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.