Arrancan as obras de humanización no acceso á igrexa de Tenorio
Por Redacción
Logo do remate das festas patronais celebradas a pasada fin de semana, o Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de comezar as obras de humanización, mellora de beirarrúas e reordenación de espazos no acceso á igrexa de Tenorio e na contorna do mosteiro de San Pedro e do centro da parroquia.
Esta ambiciosa actuación, incluída no Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente e que conta con 120.000 euros de orzamento, comezou co levantamento do firme do acceso á igrexa, que será renovado para mellorar a súa imaxe e funcionalidade.
Así, está previsto que a calzada se dote de adoquinado de seis centímetros de espesor polas esixencias de Patrimonio, que obrigaron a mudar o proxecto municipal que contemplaba a pavimentación en pedra. Ademais, renovaranse as beirarrúas en pedra situándose ao mesmo nivel que a calzada para favorecer a mobilidade e os laterais irán en lascas de pedra para diferenciar a zona de tráfico das beirarrúas exclusivamente peonís.
Este proxecto tamén chegará ata a contorna do centro de xubilados de Tenorio, onde se reordenarán e mellorarán dúas zonas axardinadas, pavimentarase o frontal en formigón para adecentar o espazo exterior e favorecer o desenvolvemento de actividades, construirase un pequeno treito de beirarrúas con baldosa fronte á estrada EP-0406 e instalaranse varios bolardos de protección.
Por mor destas obras, a rúa de acceso á igrexa de Tenorio permanecerá cortada durante algunhas semanas, motivo polo cal o alcalde, Jorge Cubela, solicitou desculpas polas posibles molestias e comprensión ante uns traballos "que mellorarán con moito a imaxe da zona e a comodidade e a mobilidade dos veciños nunha contorna emblemática e de gran importancia patrimonial e social para o noso concello".