O BNG analiza coa Confederación de ANPAS o novo modelo de transporte escolar
Por Oskar Viéitez
O portavoz de infaestruturas e transportes do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, reuniuse este xoves co presidente da Confederación de ANPAS Galegas (CONFAPA), Rogelio Carballo, para falar do novo modelo de transporte escolar que o deputado nacionalista califica de "regresivo e discriminatorio" en canto á súa integración nas liñas de transporte regular.
Os cambios no sistema de transporte do alumnado, afectan aproximadamente ao 10% das liñas de transporte escolar.
O BNG alerta de que se trata dun primeiro paso para a definitiva desaparición do transporte escolar, a non ser que haxa unha resposta da comunidade educativa para frear esta medida regresiva.
O grupo nacionalista defende como alternativa a ampliación do Tes + bus, unha experiencia desenvolvida con éxito en varias comarcas do país e que consiste no aproveitamento de prazas libres dos buses escolares para que viaxen persoas de núcleos rurais que teñen que desprazarse ás vilas. A diferenza é que no Tes + bus as rotas e horarios son os do transporte escolar; mentres que no sistema integrado trátase de autobuses de liña regular ao que sobe o alumnado.
O BNG tamén denuncia que nos centros nos que se implante o novo sistema o alumnado de bacharelato non poderá viaxar gratis no autobús e terá que pagar a tarifa da liña, 1.40 euros.