O PP pide ao Concello de Poio que estudie a baixada do IBI, auga e recollida de lixo
Por Oskar Viéitez
A concelleira do Partido Popular de Poio, Rocío Cochón, pediu este mércores ao goberno local que estudie a posibilidade de baixar os impostos e taxas básicas ós veciños, como a auga, o IBI e o lixo.
A popular recordou que, nos últimos meses, tanto o alcalde como outros membros do bipartito están explicando que en vista da mellora da situación económica, poden dedicar máis recursos a eventos polo que sinalou que o problema "é que abrasan ós veciños a impostos", polo que en próximas datas a edil popular pedirá que o goberno local considere a rebaixa de, "polo menos, as taxas básicas de auga, IBI e recollida de lixo".
Segundo Cochón, o argumento do goberno local de Poio de que estas taxas levan 5 anos conxeladas "non é válida, e máis ca unha desculpa, é un agravante: pese a esa presunta conxelación, temos algúns dos impostos máis caros da provincia", dixo.
E apuntou que "os 122 euros que pagan os veciños do rural por dous días de recollida é o triplo do que pagan veciños doutros concellos por toda a semana", unha "situación intolerable" que os populares levan anos denunciando xunto ás "graves deficiencias e irregularidades" do servizo que "converten a Poio no concello no que os veciños pagan máis polo peor servizo".
Cochón tamén se referiu ao IBI urbano, que en Poio se sitúa no 0,47, "sete puntos por riba do tipo mínimo de gravame, sendo ademais un dos poucos concellos que non aplica bonificacións potestativas".
Por último, referiuse ao recibo da auga, do que recentemente se soubo que subirá a raíz da entrada en servizo da nova rede de abastecemento, "co agravante de que os veciños de Poio, que xa pagan un dos recibos máis caros, tiveron que enterarse da subida polo alcalde de Pontevedra", e preguntou "como é posible que a mesma auga lle saia máis cara a un veciño de Poio que a un de Pontevedra ou Marín".
Cochón rematou insistindo na necesidade de que o Concello comece a estudar cómo disminuir o importe destas taxas por servizos básicos aos veciños, e pediu ao bipartito que dedique "como mínimo tanto tempo a estos asuntos como a operacións de márketing e fotos para a galería".