Tráfico tramita 70 denuncias na concentración moteira de Sanxenxo, a maioría por exceso de velocidade
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil de Tráfico ofreceu un balance do dispositivo especial habilitado esta fin de semana con motivo da concentración mototurística de Sanxenxo. Segundo estes datos oficiais controláronse 503 pilotos de motocicletas e formuláronse 70 denuncias, a maior parte por exceso de velocidade.
Pola súa banda, a Policía Local de Sanxenxo deu conta das súas actuacións dentro do centro urbano e asegura que dos máis de 1.000 vehículos controlados, non foi necesario sancionar a ningún por superar os límites de velocidade.
A campaña de actuación do dispositivo de seguridade organizado para a fin de semana iniciábase o venres ás 15.00 horas e duraba ata as 15.00 horas do domingo.
Ademas, os axentes municipais instalaron un total de 17 controis de alcoholemia e substancias estupefacientes, con 608 vehículos controlados, e soamente 5 deron positivo e tiveron que ser sancionados. En canto aos controis de documentación, que foron 2 os realizados, pedíuselles en total a 54 condutores o seu permiso de conducir e comprobouse a vixencia da ITV, e foron 5 os que non tiñan algún destes dous aspectos en regra.
Tanto desde o Motoclub como os axentes de Tráfico valoraron que a afluencia de xente ao longo da fin de semana, superaba, con fartura, os datos de anos anteriores, nos que se falaba de 15.000 participantes.