O bipartito de Sanxenxo presenta un orzamento de 22 millóns de euros
Por Redacción
Este luns celebrouse a Xunta de Portavoces no Concello de Sanxenxo na que o alcalde, Telmo Martín e o concelleiro de Facenda, Marcos Guisasola, entregaron aos membros da corporación o proxecto de orzamento 2017.
Os concelleiros terán 9 días ata o próximo 20 de setembro, cando se celebrará a Comisión de Contas, para presentar as propostas ou emendas que consideren oportunas.
O orzamento (suma de Entidade Local, Terra, Nauta, Insua e Turismo de Sanxenxo) ascende a 22.425.200 euros de gastos e 22.719.296 euros de ingresos. O do 2016 era de 21,3 millóns de euros de gastos e 22,7 de ingresos.
O orzamento por tanto ten un superávit de 294.095 euros e iso a pesar de que se destina 1 millón de euros máis a investimentos que en 2016 e a pesar da redución dun 10% do IBI (lograda polo PP cando estaba na oposición) que supón unha redución dos ingresos por este imposto de 300.000 euros.
O capítulo de persoal ascende a 7.497.563 euros ao incrementarse o soldo dos empregados municipais nun 1%, tal e como establece o orzamento do goberno de España.
O capítulo de investimentos crece ata 2.717.834 euros, o 10% do orzamento.