Ferido un transportista ao envorcar o seu camión con troncos de madeira
Por Oskar Viéitez
Os servizos sanitarios evacuaron este luns ao condutor dun camión que transportaba troncos de madeira que saíu da vía pola que circulaba. O accidente ocorreu pasados uns minutos das 11:30 horas, á altura do punto quilométrico 134 da AP-9, en Pontevedra.
A esa hora, varios alertantes chamaron ao 112 Galicia para informar da situación. Indicaban que o condutor estaba no interior do vehículo e, ademais, había perda de combustible do propio camión.
Así, de inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia alertouse ao 061, a Tráfico e aos Bombeiros da cidade. Tamén, pasouse aviso ao servizo de control da AP-9 e a Protección Civil.
Finalmente, o condutor puido ser evacuado polo persoal sanitario sen ser necesarios os medios de excarceración.