Volta ao cole sen incidencias para milleiros de nenos na comarca
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
As vacacións de verán chegaron á súa fin para milleiros de nenos e nenas pontevedresas que este luns madrugaron para inaugurar un novo curso escolar en Infantil e Primaria.
A xornada transcorreu sen incidencias destacables nos centros educativos da comarca, que continuan cunha tendencia á baixa no número de matriculacións desde hai uns anos.
"Hai un pequeno descenso da natalidade polo que están a contar nos coles. En tres anos está habendo un pouco menos de matrícula, pero eso tamén hai que aproveitalo para mellorar a calidade do ensino", recoñeceu Carmen Fouces, concelleira de Educación en Pontevedra nunha visita ao CEIP Manuel Vidal Portela da capital provincial.
Fouces, xunto ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, protagonizaron unha visita a un centro educativo do rural, Lérez neste caso, e outro do centro urbano, onde o rexedor explicou que "quizais nestes anos a preocupación máis grande sexa a seguridade viaria ao redor dos colexios, tentando facer espazos onde os nenos poidan achegarse aos colexios sen perigo de coches".
En canto á matriculación, no municipio de Pontevedra este curso son 5.657 os nenos e nenas inscritos en Infantil e Primaria, dos cales 3.773 corresponden a colexios públicos, 1.633 alumnos a concertados e 251 a centros privados.
A destacar, para a concelleira de Educación, atópase que este ano será o primeiro do novo contrato de mantemento nos colexios, o que permitirá "acelerar moito as peticións de amaños de mantemento". Ademais o Concello traballa nun plan específico para fomentar o ámbito cultural no ensino aumentando o número de funcións de teatro ou musicais destinadas ao público escolar en horario lectivo.