Tráfico intensifica o control no uso do cinturón e dos sistemas de retención infantil na volta ao cole
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) inicia este luns 11 unha campaña intensiva para controlar o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil aproveitando o inicio do curso escolar. A iniciativa busca mellorar a seguridade viaria e concienciar aos condutores da necesidade de manter comportamentos máis seguros.
Ata o domingo 17, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar que os condutores e os ocupantes dos vehículos usan o cinto de seguridade. Tamén prestarán especial atención a que os menores viaxen cos sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.
Os concellos tamén foron convidados a sumarse a esta campaña para lembrar aos condutores que é obrigatorio usar os cintos na contorna urbana.
Segundo Tráfico, sempre que sexa posible, alertarase da presenza de controis a través das pantallas alfanuméricas e dos paneis de sinalización variable.
A DXT estima que o uso do cinto reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. No caso dos sistemas de retención infantil, os datos reflicten que un menor sen sujección multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves.
Na campaña desenvolvida neste mesmo período en 2016 controláronse en Galicia 39.219 vehículos e os axentes formularon 268 denuncias.